dissabte, 22 de març del 2008

Os días de Beluso

Atrás ficaron os días de encontros matutinos polo corredor da casa, tan curvo, cando o día comezaba almorzando xuntos con vistas á Catedral. Despois aínda había tempo de volver un cachiño á cama e ir pensando durante un par de horiñas, illados no mundo interior, nas cousas curvas que realmente importan. Cousas curvas como os queixos, como as casas dos castros, como os figos de Salvadur e o pendello da casa de Cereixa.

Foron curvos os días de Beluso, cando a felicidade viaxaba en Sistem Porsche polo Morrazo, á procura de augas nidias e de mexillóns nas rochas, días de albariño e gaivotas nos cabelos da Janinne, e noites nas que o motor da bomba da auga facía baixar a intensidade da luz e acompañaba a tirada do I-Ching, e aparecía a grandeza con fósforos no chan, tres mistos grafando unha mudanza ao azar na preamar da ría.

Son curvas as rodas da bici de ir ao instituto, e a bisbarra monfortina vista desde o castelo despois dun xabarín con castañas e dunha mousse de iogur grego. Foi curvo o antroido e os antefaces, as regueifas no coche, o pracer das etimoloxías e do cláxon pola estrada, e son curvas as liñas horizontais dos camiños e das cousas que pasan e nos pasan.

Agora, porén, o son do espertador é recto cando te separa do corpo quente da amante, é recta a ducha da mañá e a tertulia radiofónica, son rectas as oito horas e o café con leite do tempo para tomalo axiña e non demorarse moito na improdutividade. Poucas cousas fan ceder a rectitude, case subversión de ler poesía no vagón, o son do viño caíndo na copa e os amigos arrodeando a mesa, o fume e a conversa, algun recital e as noites nas que a cama devén unha burbulla chea de contos, linguas polas curvas e risadas.

E pensando en todo isto cadra unha destas mesas curvas con amigos e un cuarto con algúns libros de Cunqueiro, entre eles La cocina cristiana de Occidente. Entre polos que xa non engordan co ritmo virxiliano e bechameis de Bretaña hai un fragmento que transporta a mesa e a cadeira ata os días de Beluso: “Punto y aparte para la península del Morrazo, no porque allí bebamos vinos ilustres, sino porque allí bebí, mano a mano, con…”. E precisamente velaí a lembranza do viño no Morrazo, non pola súa calidade, senón pola compaña, persoa curva coa que xa non se contan cos dedos das mans as boas mesas compartidas, e coa que, dous días despois da aparición do libro, se brindou con albariño novamente.

4 comentaris:

  1. Curvo é lerte despois da medianoite, recuperar lembranzas adurmiñadas polo traballo, crer de novo eterna a antiga amizade das verbas e o licor e as conversas cos vellos, coas vellas, coas nais avoas e os segredos que agochan, sapagueiras no canoto da experiencia. Curvo é lembrarte a catro portas, mergullado na burbulla curva de linguas, contos e risadas, escoitar o flash da polaroid dende o balcón, con música bretona de compaña. Curva a vida dos que sodes coordenadas noutras existencias, a catro portas, a catro cuncas, a catro versos curvos de apertas e saúdos nesta noite de domingo. Tempos curvos se aveciñan.

    ResponElimina
  2. Les patates i les truites, diria que també son corves. deixa'm, però, que em posi tràgic -desentonant força amb el text que comento, que, deixa'm-ho dir de passada, malgrat que no n'hagi entés algunes cosetes (i sé que la teva benvolença congènita em perdonarà l'us de diminutius) el trobo d'una solidesa estètica encomiable- la fagocibilitat de les truites i patates és ensemps allò que fa que les unes i les altres siguin especialment corves ,les encurvitza, o aguditza la seva curvitat; i, tanmateix és aquesta mateixa qualitat fagocívola que les encorva que les condemna a una desencurvització definitiva total absoluta amb un resultat final d'una rectitud inponderable.

    ResponElimina
  3. Que vinguin temps corbs, idò, i que ens fotem, ans que se'ns fotin els corbs, dotzenes de truites plegats, i litres i litres encar de licor que facin de la rectitud imponderable de la truita un revolt que ens descobreixi a l'altra banda més paraules amigues amb vells, amb joves i amb els llibres.

    ResponElimina
  4. Luar no mar, regueiro de prata, sei que estas lembrazas -e as túas imaxes- escúrrense entre as miñas neuronas de fumeta mailas túas verbas peregrinas. Quédanos a vibración infinita do amor, o resón dunha intensidade, unha amizade que forma xa parta dalgún pleroma celeste, quédanos, despois de todo, do tempo sobre todo, a túa escrita constelar, como pegada dunha frela tola e dunha canseira chea de desexo pola vida.

    Nesa oblicuidade do Universo é onde sempre se atopan os provisiorios. Sexamos pois coma as ondas e en calquera momento se abrirá outro luar ante nós.

    ResponElimina