diumenge, 24 de juny del 2007

O lume de San Xoán

“Polo San Xoán, a sardiña molla o pan”, e así comezou a noite na praza do cruceiro, coa veciñanza ao redor da cacharela, aínda de día, comendo sardiñas nunha rebanda de pan. Unhas sardiñas gostosas que foron abrindo os estómagos mentres os nenos lanzaban madeiras e cachos de mobles vellos ao lume. Mais nas fogueiras de San Xoán non se queiman só as cousas vellas, senón todo aquilo que dalgunha maneira molesta, que xa hai tempo que nos incomoda cando o vemos aínda que non nos decidamos a tiralo. Cando se prepara a festa, cando se comezan a amorear as cousas que van arder na noite, estase facendo un ritual de purificación colectiva. Ademais, ao facelo conxuntamente coa xente do barrio, parece que nos é máis doado tirar lastre. Logo de prender o lume imos ser unha miguiña máis libres.

Despois cara ás outras prazas, en cada unha hai unha cacharela, e viño, e chourizos, e a xente bebe e come mentres fala cos coñecidos, ou coñece xente con quen falará, e xa cando se achega a media noite todo comeza a ser máis distendido e alguén salta a cacharela. Un detrás do outro, van saltando por riba do lume veces impares, ou xuntos e collidos da man ou de ganchete. Saltar as chamas vainos protexer de males durante todo o ano, e se o facemos da man doutra persoa imos ficar unidos por ese salto na noite de San Xoán. Estamos a queimar cousas vellas e aínda saltamos por riba do lume co que desaparecen. Mesmo hai quen apaña cinza e pinta a cara. Lixarse forma parte tamén destes ritos colectivos. Non pasa nada se nos cae viño na roupa ou se levamos as mans da cor da borralla.

Logo de moitos días de nubes e chuvia, o ceo deixou de estar cuberto e a lúa acompañou a troula e os aturuxos. O día comezou a abrirse camiño cunha claridade que lembraba as palabras dun artigo que publicara no Avui un bo amigo do país galego, Néstor Luján: “Álvaro Cunqueiro, poeta sempre, creia que la matinada de Sant Joan era l’albada miraculosa, el matí més clar, amb la transparència brillant del món tot just rentat rere la nit sensual i màgica. M’agrada que entre nosaltres, tan oblidosos, hàgim sabut conservar aquesta festa. No reneix pas el món cada dia de l’any.”