Hai unha casa en Menorca na que podes levar a Samuel Solleiro ao cagadoiro, unha casa na que comprender mentres ferve o arroz que Chus Pato ten tendencia ao reversismo, e na que se poden cear chourizos e queixo do Artilleiro. Unha casa na que ás noites se non soa un acordeón soa un clarinete, e vai o cura e abre a porta da rectorial, na mesma praza, para mellor entrárenlle as notas quizais nada frecuentes nunha vila con poucas casas abertas no inverno, só as que lles cómpren aos do lugar, que non son moitos, e menos son por mor de todas as vidas que aló foron no mar, na costa dura e venteada do norte da illa, unha costa que loita a coiteladas contra a xerfa e que o turismo non puido ou non soubo conquistar, un mar de vidas afogadas e de mulleres con pedras nos petos para que non as levase a tramontana que se achegaban á Virxe de Lourdes, nunha coviña diante dos cantís, a pedir un bo retorno para os homes, e algúns volvían e non daban chegado á terra partidos polo raio, outros son só mortos legais despois do tempo prudencial de desaparición no mar, non vaia ser o demo que lles dea por voltar, que non os puideron soterrar e é peor unha ausencia do que un corpo apodrecendo.
«- o que vostede escribe é representativo?
- nada representa, produce
- busca un significado?
- nada significa, funciona»
Chus Pato
Vémonos pronto naquela beira da poza
ResponEliminaEts un dels Premio Dardos atorgats des del blog L'espiell. Per molts anys!
ResponElimina